26/12/12

Adopcións de libros e outras fórmulas para o fomento da lectura

Nestes días de Nadal, e co fin de fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade escolar, algunhas bibliotecas escolares puxeron en marcha iniciativas de interese e que gardan, así mesmo, múltiples posibilidades educativas. Entre elas, destacamos esta campaña do CEIP Frián-Teis, de Vigo, baixo o título ADOPTANDO LIBROS POLO NADAL, na que rapazas e rapaces escollen un libro da biblioteca para "adoptalo" e levalo a seus pais como lectura para o Nadal. O proceso conleva unha serie de actividades que, entre outras cousas, serven para a formación do alumnado como lectores e usuarios da biblioteca. Pódese ver coñecer a fondo esta iniciativa no blogue da biblioteca do centro.

Pola súa parte, o IES As Mariñas, de Betanzos, tamén levou a cabo (por terceiro ano consecutivo) a súa campaña de Nadal baixo o lema: Na biblioteca un agasallo para ti. As mozas e os mozos que queiran poden elixir un libro para "agasallar" a algúen da súa familia. Fan o préstamo ao seu nome e a biblioteca encárgase de preparalo "bonito" para que ese préstamo-agasallo sexa algo especial. O éxito dos anos anteriores fíxolles repetir e este ano preparáronse 191 "agasallos", 191 préstamos especiais para o Nadal.

E as nenas e nenos do CEIP de Leirado (Salvaterra do Miño, Pontevedra) poden levar á casa un préstamo especial, escollendo libros, cine ou música para toda a familia, na campaña ALIMENTA AS TÚAS VACACIÓNS, e utilizar unha bolsa especial que a biblioteca proporciona a tal fin. Toda unha campaña de marketing cultural que ten, tamén, as súas implicacións formativas e que procura a implicación dos propios lectores no contaxio do hábito lector (vídeo. 

Tamén no IES Ribeira do Louro (O Porriño) houbo "campaña de Nadal". Nesta ocasión, o equipo de biblioteca preparou "pacs" de libro+película e ofrecéronno para o préstamo de Nadal.

Un cento de recomendacións de lectura para o Nadal

Reproducimos a felicitación do Nadal remitida pola biblioteca do IES de Poio para esta entrada dedicada ás recomendacións de lectura elaboradas desde as bibliotecas escolares galegas. Máis dun cento de "guías de lectura", cada unha delas froito da experiencia, da dedicación, do esforzo e do bo facer e entender do profesorado que constitúe os equipos de biblioteca dos diferentes centros e que, exercendo a súa función de orientación e de mediación, as ofrecen á comunidade escolar correspondente mentres, a través da rede, as comparten con todos nós. Pódense ver AQUÍ

21/12/12

Montañas coma illas... de libros.


Desde a Biblioteca do Porviso, do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), achégannos este vídeo que documenta a elaboración dunha "árbore de Nadal" que medra grazas ao esforzo colectivo e que chama á lectura.

"Qualsevol nit pot sortir el sol"

Grazas á biblioteca do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas, Pontevedra) recuperamos este fermosísimo vídeoclip realizado sobre a canción de Jaume Sisa "Qualsevol nit pot sortir el sol", tan oportuna. O xogo sería facer unha lista coas personaxes do imaxinario literario actual que habería que engadir.

17/12/12

Lecturas para o Nadal nas bibliotecas escolares

DomoNation.com: Un libro no Nadal by quinif


Desde o CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense) achégannos esta animación que chama a coller en préstamo libros da biblioteca escolar para o Nadal. E non vai ser por falta de libros. Velaquí tamén as recomendacións de lecturas que fan as bibliotecas escolares galegas:

12/12/12

No Xograr os libros ... "dan de comer"

No IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo)  botaron a andar unha iniciativa solidaria asociada ao fomento da lectura na propia biblioteca do centro. Trátase dunha campaña de recollida de comida non perecedeira, á que ten que acompañarse unha recomendación ou recensión dun libro lido. No blogue da biblioteca pódese coñecer máis polo miudo esta iniciativa que se une a outras anteriores, doutros centros, semellantes nos fins solidarios aínda que diversas en fórmulas e contido.

4/12/12

Os videoxogos na biblioteca escolar, outro formato.

As IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os días 9 e 10 de novembro de 2012, organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolleron unha interesante, animada e impactante sesión sobre os videoxogos na biblioteca escolar, coa presenza de Marian Moreno, profesora e asesora do CPR de Avilés, experta en videoxogos e coeducación, e Isidora Gil, responsable da biblioteca do IES de Celanova.

DiarioKafka, espazo cultural do xornal dixital eldiario.es faise eco desta sesión e do seu contido. O autor, Antonio J. Gil, é profesor da Universidade de Santiago e experto en videoxogos: Los videojuegos en la biblioteca.

3/12/12

Eu son un "ser libris"


Ser Libris from Illa Bufarda on Vimeo.
Fermosa iniciativa de Illa Bufarda para a Asocaciación Galega de Editores, presentada co gallo do Culturgal, nestes pasados días. Afortunado descubrimento dese estraño animal, o "ser libris".