29/10/07

Nenas e nenos entre 10 e 13 anos: os que máis len

Son os que máis len, especialmente elas. Así o asegura o Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros, correspondente ao 3º trimestre de 2007 que vén de publicar a Federación de Gremios de Editores de España.
O 88,2% das nenas e nenos de entre 10 e 13 anos le fronte ao 57% da poboación adulta. O estudo sinala que nos fogares destes lectores máis novos, un 73,4% dos pais le de forma frecuente e un 80,7% mercou ou agasallou con libros aos seus fillos no último ano, o que vén a reforzar a importancia do papel da familia como espazo de contaxio do hábito lector.

26/10/07

Rede Lectura


A Asesoría de Bibliotecas Escolares puxo a disposición do profesorado galego, que exerce o seu labor de mediación, unha ferramenta para compartir textos de interese para as actividades de fomento da lectura: o blog REDE LECTURA, un espazo para seguir colaborando e aproveitar o tempo e os esforzos de todos.

23/10/07

¡Todo o tempo do mundo!


¡Tiempo, tiempo, ponemos el tiempo en sus manos!¡Hemos encontrado la manera de transportar el tiempo!¡Cambiamos uno de sus días por un año entero! ¡1927, ofrecemos el 1927 de cabo a rabo! ¡Y si queda contento, le invitamos a que se lleve el 98, y los mil ciento catorce años anteriores a 1492! ¡Tenemos tiempo de los cinco continentes, de los seis continentes, de los continentes que ustedes quieran!¡Hemos descubierto la forma de transportar el tiempo!

Fragmento do pregón escrito por Carlos Grassa Toro, autor aragonés, difundido pola Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil para celebrar o Día da Biblioteca este 24 de outubro de 2007.

O cartel é de Isidro Ferrer, que fora Premio Nacional de Ilustración de Libros Infantiles y Juveniles no ano 2005 coa obra basada en textos de Grassa Toro, Una casa para el abuelo.

22/10/07

Aquí lese!!!!

Celebráronse en Santiago, os días 19 e 20 de outubro, as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007. Recibiron ao milleiro de profesores e profesoras participantes os membros da compañía PISTA CATRO cun sketch da súa obra actualmente en cartel, KAMIKAZE, unha chiscadela aos mediadores no fomento da lectura alí presentes, un xogo sobre a lectura para entrar en materia.
O resto das sesións, menos lúdicas, pero igualmente necesarias e, polo que se puxo de manifesto a través dos rostros dos participantes, e das súas palabras... igualmente satisfactorias. As conclusións definitivas, difundiranse en datas próximas (unha vez recollidas as valoracións persoais do profesorado asistente), na páxina da Asesoría de bibliotecas escolares.

15/10/07

Plan de Lectura de Galicia

A conselleira de Cultura presentou no Parlamento o pasado 10 de outubro o Plan de Lectura de Galicia, unha das primeiras consecuencias da Lei do Libro e da Lectura aprobada en xaneiro de 2007. Recentemente publicouse a composición do Consello Asesor do Libro, órgano contemplado tamén nesta lei.
Varios das liñas de actuación previstas no Plan de Lectura de Galicia atinxen dalgunha maneira ás bibliotecas escolares e aos mediadores entre nen@s e libros en contexto escolar, pero ademais o obxectivo 3 , titulado Impulso da lectura no ensino, prevé un reforzo das actuacións que a Consellería de Educación xa ven levando a cabo neste ámbito:
  • Dotación de recursos ás bibliotecas dos centros educativos, consonte ás súas necesidades e características.
  • Motivación, implicación, formación e dotación de medios axeitados para ao profesorado, como artífice fundamental da aprendizaxe e promoción da lectura.
  • Apoio á incorporación da alfabetización informacional, entendida como desenvolvemento das habilidades de uso e tratamento crítico da información, dende os primeiros anos da escolaridade.
  • Fomento daquelas prácticas que favorezan unha maior competencia lectora e literaria e un mellor desenvolvemento do hábito lector.

11/10/07

A lectura convoca vontades


Son máis de 1400 solicitudes as que chegaron á Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación para participaren nas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007, que se van celebrar en Santiago os días 19 e 20 de outubro. Se todas estas vontades se xuntan, máis aló da asistencia a unha actividade de formación do profesorado (que ten o seu atractivo nun programa de manifesta calidade, sen adobíos, e baixo o lema LER AO DEREITO. O DEREITO A LER...) algo ten que mudar nas escolas galegas... E de feito xa está a mudar grazas ao traballo calado e constante de profesores e profesoras atentos ás novas necesidades educativas, coñecedores da importancia do seu traballo como mediadores entre nenos e libros, lectores que contaxian entre o seu alumnado o gusto pola lectura.

9/10/07

Busca de libros en Google

Guía breve para buscar libros e referencias bibliográficas no Google.


Vía Libros&Tecnología

2/10/07

Hábitos e prácticas culturais en España-2006/2007


O Ministerio de Cultura presenta o estudo "Hábitos y prácticas culturales en España 2006-2007", como resultado dunha enquisa realizada entre a poboación maior de 15 anos, en colaboración co Instituto Nacional de Estadística.

O capítulo 3 das táboas de resultados está dedicado ás prácticas de lectura e o uso das bibliotecas. Resulta de gran interese unha visita pormenorizada a este estudo, especialmente para os profesionais de ámbitos educativos e culturais, e especificamente para quen deseña e propón proxectos para a promoción da lectura, a calquera escala e dende calquera instancia.

1/10/07

Proxecto Lector

O novo curso trae novidades normativas en materia de lectura e escritura para o ensino primario e secundario de Galicia. Na páxina da Asesoría de bibliotecas escolares poden atoparse algúns recursos para iniciar a elaboración do Proxecto Lector de centro, a selección de títulos para introducir lecturas informativas e literarias nas diversas materiais, etc.