23/4/08

Día do Libro falando de libros e de lectura

Falamos de libros co presidente. Día Internacional do Libro. Mupega
O Día Internacional do Libro serviu de escusa en moitos centros educativos galegos para reforzar o gusto pola lectura. Múltiples actividades, cada vez máis participativas, xuntaron vontades, esforzos e experiencia lectora (e boa cultura pedagóxica, tamén), e plasmáronse en recitais, encontros, xogos de animación á lectura, conversas, intercambio de libros... Pódense ver algunhas destas actividades asomándose ás bibliotecas escolares a través dos seus blogues, presentes na páxina da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Un acto moi especial foi o que se levou a cabo no Museo Pedagóxico de Galicia, coa presencia da conselleira de Educación e do presidente do goberno galego. Baixo o lema, Falamos de libros co presidente, xuntáronse rapaces do CEP Marcos da Portela (Pontevedra), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP de Sigüeiro (Oroso), CEIP Humberto Juanes (Nigrán), CEIP Pepe de Xan Baña (Sta. Comba), así como algúns membros do club de lectura Balbordo, do IES Río Cabe (Monforte). A través de videoconferencia, desde os seus centros, participaron tamén nenas e nenos do CEIP A Ponte (Lugo) e CEIP Amaro Refojo (Verin).
Falouse de libros e de lectura: dos libros preferidos, dos que están a ler, do moito que lles gusta ler, dos personaxes dos libros, da Hora de ler, das mochilas viaxeiras, dos clubs de lectura... Estas nenas, estos nenos, eran unha pequena representación dos moitos alumnos e alumnas galegos que, día a día, medran como lectores a través de todas e cada unha das pequenas actividades que se botan a andar nas aulas e nas bibliotecas escolares. Pódese apreciar neste pequeno vídeo da Axencia Galega de Noticias o ambiente que alí se viviu: simplemente, no Día do Libro, falamos de libros. Tamén nesta noticia da tvg

No hay comentarios: