24/12/10

Resolta a convocatoria de Clubs de Lectura 2010/2011

O Portal Educativo publicou o pasado 22 de decembro a Resolución da convocatoria de axudas para Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario. Son xa 200 os centros galegos que contan este ano cun ou varios círculos de lectura, nos que participa de forma voluntaria alumnado e profesorado e, tamén, pais e nais e persoal non docente en varios casos. En conxunto, moven a máis de cinco mil persoas arredor dos libros e da cultura, ao longo do curso académico.

23/12/10

Sumando esforzos a prol da lectura

Unha das vías de colaboración entre distintas bibliotecas (escolares e públicas) é a elaboración de materiais conxuntos destinados a promocionar os produtos culturais e fomentar a lectura nas comunidades educativas e nos concellos de referencia. Son varios os concellos nos que xa están sumando forzas os profesionais que traballan nestas bibliotecas, e como exemplo, velái van algúnhas guías de lecturas realizadas en colaboración para estas festas de Inverno:

20/12/10

As Bibliotecas Escolares galegas recomendan....

Co fin de facilitar a escolla de libros, películas, discos... para estes días de inverno, as Bibliotecas Escolares galegas están a difundir as súas "guías de lectura" e listaxes de recomendacións, incluíndo novidades e, tamén, títulos que xa teñén algúns anos, pero son imprescindibles para a formación da competencia literaria dos rapaces e das rapazas.
Acceso ás "guías de lectura".

19/12/10

"Ler e escoitar", a lectura en voz alta con emoción

Cando un grupo de nenas e nenos escollen un libro e deciden lelo en voz alta para os outros, e faise un silencio na sala, e eles médranse e len con corrección e a expresividade xusta... entón estamos asistindo a un pequeno milagro... e a unha festa. Porque foi unha festa da lectura a sesión final do I concurso de lectura en voz alta, LER E ESCOITAR, que tivo lugar o pasado 16 de decembro en Santiago de Compostela. Un total de 49 nenas e nenos de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria chegaron a esta fase final do concurso que pretendia poñer en valor a lectura expresiva, a lectura compartida. E abofé que iso se conseguiu: foran un total de 123 centros os que presentaran participantes á fase autonómica do concurso, logo de realizar unha selección en cada centro. Esta iniciativa, enmarcada no programa HORA DE LER, mobilizou a moitos nenos e nenas, que durante este primeiro trimeste escolleron lecturas, preparáronas e compartiron experiencia arredor dos libros e da lectura. O esforzo e a dedicación do profesorado fixo posible, unha vez máis, que unha idea chegara a materializarse: unha oportunidade máis para a construción desa sociedade lectora que desexamos.

9/12/10

"Libros no lixo"

Xa deu a volta ao mundo esta fermosa historia, grazas a Elvira Lindo que nola contou tan ben hai uns días no xornal El País.... pero non quixemos deixala pasar, porque é unha historia de esperanza. Sucedeu en Bogotá, Colombia.

"Le llegó el turno a José Alberto y nos dejó mudos. Con palabras sencillas contó lo siguiente: un día, mientras hacía su recorrido habitual, vio que en el suelo alguien había dejado un ejemplar viejo de una novela de Tolstói. Se lo llevó a casa. Su señora, modista, se encargó de restaurarlo amorosamente, como quien zurce una prenda delicada. De pronto, a José Alberto se le pasó por la cabeza una idea disparatada que no dudó en poner en práctica: recogería todos los libros que encontrara a su paso. Sus colegas barrenderos le sirvieron de cómplices. Le gritaban, "¡José, libros!", y se los colocaban en el asiento de al lado. De esta manera, el camionero José ha recogido más de doce millones de volúmenes, volúmenes que han pasado por las manos primorosas de su señora para ser ordenados en la biblioteca en perfecto estado. En un primer momento, colocaron los libros en la planta de abajo de su casa. Allí empezaron a acudir mujeres y niños de ese barrio pobre en el que vive José. Más tarde, cuando ya los libros no cabían, el camionero consiguió tres locales más. A estas alturas tiene montadas tres bibliotecas."

4/12/10

I concurso de lectura en voz alta, "Ler e escoitar"

Importante acollida nos centros educativos galegos desta nova iniciativa de estímulo á lectura, encadrada no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en contexto escolar, da Consellería de Educación. Un total de 123 centros presentaron aos seus alumnos e alumnas á fase autonómica do concurso, a maioría deles na dúas modalidades previstas, individual e de grupo. Emocionante ver a tantos nenos e nenas preparando os seus textos, botando a voar tanta palabra fermosa polos ceos galegos. Xa se fixo pública a listaxe de lectoras e lectores finalistas que participarán nun acto de exaltación da lectura en voz alta, o vindeiro 16 de decembro, onde se decidirán os premios deste concurso. Parabéns a todas as lectoras, a todos os lectores que participaron nesta convocatoria dentro dos seus centros.
Máis información, na páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia

28/10/10

Variacións sobre a lectura

Baixo este lema, "Variacións sobre a lectura", celebraranse en Santiago de Compostela, os días 29 e 30 de outubro, os III ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA. +información e páxina de seguemento.
Agárdase a participación de preto de 1.200 profesores e profesoras de toda Galicia, todos eles en activo en centros públicos dos distintos niveis educativos non universitarios.

4/10/10

Os dereitos do lector, e da lectora

Na biblioteca escolar do CEIP de Vilarmide (Muxía, A Coruña), encargáronlle aos Bolechas que lle lembrasen ás nenas e aos nenos da escolar os "dereitos do lector" que hai tempo fixera público Daniel Pennac no seu libro "Como unha novela", tan querido para as persoas mediadoras nesto da lectura. E os Bolechas están felices alí, ben se lles nota...

22/9/10

I Concurso de Lectura en voz alta: LER E ESCOITAR

A Consellería de Educación convoca o I Concurso de Lectura en voz alta, LER E ESCOITAR, dirixido a rapaces e rapazas de 3º Ciclo de Primaria e 1º Ciclo da ESO. Máis información, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.


20/9/10

Apadriñamentos lectores

O pasado curso 2009/2010 irrumpiu con forza nos centros da Rede de bibliotecas escolares galegas unha actividade que se viña facendo xa de forma moi puntual nalgunha biblioteca. Os bos resultados obtidos levan aos centros a programar actividades semellantes para o presente curso. Son os "apadriñamentos lectores". Un mínimo de 17 centros (en Cervo, Malpica, Pontedeume ou Lugo; de Celanova a Fene, de Aguiño a Moaña, de Vigo a Pontecarreira, de Salvaterra de Miño a Pobra de Brollón...), impulsaron o intercambio entre alumnado de distintas idades, dentro do propio centro ou entre o alumnado dos institutos e o dos centros próximos. A fórmula básica consiste en que un rapaz ou unha rapaza acompaña na lectura a outro ou outra de menor idade, léndolle, contándolle ou xestionando a lectura conxunta dun libro, nun tempo e nun lugar específico organizado pola biblioteca: no patio, na aula, na biblioteca; no recreo, nunha festa especial polo día do Libro ou nun tempo marcado no horario semanal. Tamén poden os pequenos lectores lerlles aos grandes, o que engadirá unha motivación extra ao feito da lectura.
Así nolo conta a responsable da biblioteca do CPI de Pontecarreira (Frades, A Coruña): "No CPI de Pontecarreira alumnos de secundaria foron ler durante o proxecto lector aos de primaria e infantil, tres días (por ciclos) e á semana seguinte foron os de primaria os que "subiron" ler aos maiores. Quedaron tan contentos que querían repetir cada semana. Este ano volveremos repetir a experiencia."
Estoutro é o que contan no CEIP Antonio Carpintero (Arbo, Pontevedra): "No CEIP Antonio Vázquez, o Día do Lbro, os maiores apadriñaron aos máis pequenos do colexio, aos pequenos da Escola Infantil, e tamén aos maiores da residencia "a Solaina". A experiencia foi estupenda."
No blog do IES de Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra), podemos ver tamén as imaxes desta actividade: "Foi unha experiencia que puxemos en marcha este ano por vez primeira entre o noso alumnado, que se anotou voluntariamente, e os nen@s de infantil de Dorrón. Sen lugar a dúbidas, para seguir traballando nesta liña e consolidando esta actividade nos vindeiros anos".
No blog do CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas podemos coñecer a experiencia do Club de lectura e algúns outros rapaces e rapazas de 6º, que visitaron o Centro de Día da Terceira Idade, para compartir cos maiores un tempo de lectura.

9/9/10

Lectura Lab, novo recurso

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez botou a andar, hai uns meses, o seu "laboratorio de la lectura", baixo o título LECTURA LAB. Celebramos este novo espazo de encontro entre as persoas que traballan a prol dunha maior e mellor competencia lectora de toda a xente, empezando polos pequenos: noticias, materiais, enlaces, recursos, cursos, conferencias... unha fonte de información e de formación.

19/7/10

TRIPTICO DE RECOMENDACIÓNS a tres mans



Á hora de recapitular o traballo realizado durante o curso que vén de rematar, un dos centros participantes nesta experiencia de colaboración interbibliotecaria realiza esta valoración na súa memoria:

"Por primeira vez neste Nadal elaboramos un tríptico conxunto de recomendación de lecturas tres dos catro centros de Infantil e Primaria do Concello de Rianxo. Foi unha experiencia de colaboración moi gratificante que nos permitiu afondar no coñecemento das nosas bibliotecas, dos hábitos lectores do noso alumnado, da organización dos equipos de biblioteca e das nosas inquedanzas e prioridades. Pensamos que é moi enriquecedor fomentar e establecer vías de comunicación e colaboración entre bibliotecas que traballamos na mesma zona e cuns usuarios/as de características similares. Non sempre é doado atopar o tempo e as actividades que o permitan, pero cremos que debemos continuar apostando pola colaboración entre bibliotecas veciñas."

Aproveitamos para lembrar as recomendacións -conxuntas e para todos os públicos- dos centros educativos e da biblioteca municipal de Cambre.

12/7/10

Valoracións da "Hora de ler" nun IES

Son xa moitos os centros de ensino secundario que están a buscar fórmulas organizativas para botar a andar a "Hora de ler", ese momento que algúns consideran máxico, no que todo o mundo le e o tempo se para... e pasan cousas bonitas. Da memoria dun IES do Plan de mellora de bibliotecas escolares da provincia de Pontevedra extractamos o seguinte:

"Obxectivo. fomentar a lecto-escritura para desenvolver as competencias comunicativas do noso alumnado:
Cremos que neste aspecto tamén demos algúns pasos adiante como mostran os gráficos que acompañan a esta memoria, pero a nosa impresión está reforzada pola opinión, expresada diante dos órganos colexiados do centro, de moitos compañeir@s que utilizaron as fichas de lectura pero tamén a observación diaria na clase e afirma que notan unha considerable mellora do seu alumnado segundo ía transocrrendo o curso. Pensamos que nese aspecto foi moi importante conseguir introducir a Hora de Ler sobre todo porque supuxo que eran os propios alumn@s os que decidían que ler. Certo que non foi sinxelo. Tod@s sabemos que aínda hai xente que pensa que "a lección maxistral" é a esencia do ensino e que sen a súa "ciencia" e sapiencia o alumnado vai ser analfabeto de por vida; tamén sabemos que hai quen está obsesionado co cumprimento das programacións e quen pensa que os rapaces e as rapazas "non van aproveitar un tempo dedicado á lectura porque nin saben ler nin lles interesa", porén temos a enorme satisfacción de poder dicir que moitas das persoas que manifestaron a súa oposición ou expuxeron as súas recticencias, remataron felicitándonos pola iniciativa -aínda que deixaramos claro que non era nosa-- asombradas polo interese que puxo a maioría do alumnado, polo silencio que se peercibía nos corredores á Hora de Ler e mesmo porque notaba un cambio moi positivo na actitude do alumnado cara á lectura."

3/7/10

"Put books in your head" e baila...

Porque animar a ler, fomentar a lectura, se pode facer de moitas formas... pero sobre todo, con ganas, con entusiasmo, con sentido do humor e con alegría... Un bo exemplo que lle agradecemos a No solo libros, que o rastreou na Rede.

15/6/10

Conservatorios de Música e lectura

Cando se fala de bibliotecas nos centros de ensinanzas artísticas coma os conservatorios, ás veces cáese nun preconcepto limitado e antigo: ese lugar no que se gardan as partituras e (nun nivel avanzado), onde se poden facer audicións de materiais grabados. Pero hai bibliotecas de conservatorios de música en Galicia que están dándolle a volta a isto, e demostrando que poden ser outra cousa, que poden ser bibliotecas escolares especializadas, adaptando o modelo xeral de centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao seu contexto e resultaren útiles e eficaces. Velaquí dous exemplos ben elocuentes:
  • A biblioteca do CMUS de Lugo, con múltiples actividades destinadas a apoiar o tratamento dos contidos das diversas ensinanzas que se dan no centro, e tamén, a fomentar a lectura. Unha biblioteca que se autodefine como "lugar de aprendizaxe permanente, de información, opinión, entretemento e lecer. Un espazo de encontro de toda a comunidade educativa."
  • A biblioteca do CMUS de Vigo, que alberga un club de lectura: EN CLAVE DE LETRAS, que define así a súa finalidade: "O club pretende promover e incentivar a lectura en xeral facendo que cada membro do grupo exprese a súa opinión nun ambiente de respecto e liberdade"

14/6/10

Hora de ler

Hora de ler é o lema do programa para o fomento da lectura en centros de ensino que a Consellería de Educación botara a andar a comezos de 2006, e que dá nome a este blogue. Pero é tamén o lema escollido por moitos centros de ensino de Galicia para referirse a ese tempo dedicado á lectura en aulas, que se vai extendendo por centros de infantil e primaria, pero tamén en institutos, onde o profesorado pon a imaxinación a andar para facer fronte a dificultades organizativas e outras resistencias. Velaquí dúas iniciativas que exemplifican o moito traballo que a prol da lectura se está a facer nos centros de ensino, nesta "hora de ler":

10/6/10

As bibliotecas escolares recomendan....

Vai achegándose a fin do curso e as Bibliotecas Escolares comezan a publicar as súas recomendacións de lectura para o verán. Pódese ver nelas moita novidade pero tamén algúns textos espléndidos (deses que fan lectores), recuperados con acerto. Desde a Asesoría de bibliotecas escolares iránse subindo todas as guías, segundo nos vaian chegando, nesta entrada.

21/5/10

"Mesa de intercambio"

O Club de lectura "As Campaíñas", do CPI Aurelio M. Rey García, de Cuntis (Pontevedra) montaron no vestíbulo do centro unha "mesa de intercambio" de libros, revistas, películas, discos... O fermoso cartel que publicita esta actividade foi realizado polo alumnado de 1º de ESO baixo a dirección da profesora de Plástica, Hortensia. Trátase dunha actividade motivadora que axuda a que "rulen" os libros e os recursos culturais, e a crear ambientes lectores nos centros educativos.

10/5/10

Ler a Novoneyra

Bailan libres os poemas de Novoneyra sobre os muros en escolas e institutos de todo o País. As bibliotecas escolares galegas son espazos de imaxinación e Casas da Palabra que, nestes días, se enchen dos versos e das voces da xente nova. Velaquí un exemplo de toda a actividade lectora que, a partir da figura de Uxío Novoneyra, autor do Día das Letras Galegas 2010, se está a vivir nos centros educativos galegos.

4/5/10

Tratamento da información e competencia dixital

O poder da imaxe... todo un discurso sobre a necesidade de implicar ás familias na educación dos nenos e nenas como usuarios da información. A publicidade lévanos anos de vantaxe á hora de comunicar...

Os mozos non len poesía...

Ese é un dos tópicos máis comúns cando se fala de lectura e de xente nova... tópico que se esnaquiza cando se bota unha ollada ás bibliotecas escolares galegas, nas que a poesía está presente un día si e outro tamén. Velaquí un poeta, Carlos Negro e velaquí os mozos e mozas do club de lectura A árbore vermella, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín (Ourense). Un encontro grato coa poesía, mediadores sensibles e eficaces, bos libros e tempo para disfrutalos. Espazos e tempos para a lectura, tamén de poesía, nos centros educativos. Convidamos a ver a crónica deste encontro: Visitounos Carlos Negro.

23/4/10

Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

Son moitas as experiencias de interese que se están a levar a cabo nas Bibliotecas Escolares de Galicia co gallo do Día do Libro. Non podemos referenciar todas, pero unha visita aos blogs destas bibliotecas (Primaria ou Secundaria) pode servir para coñecer a intensa actividade lectora que se leva a cabo nos centros. Hoxe chéganos noticia dunha delas que, pola súa emotividade e pola súa potencialidade, queremos destacar. As palabras de Bea, a responsable da Biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas (Pontevedra), son ben clarificadoras:
"Onte pola tarde visitamos co CLUB DE LECTURA o Centro de Día da Terceira Idade para compartir con eles un tempo de lectura. Foron momentos moi entrañables cos seus aplausos, comentarios e palabras e incluso cos seus silencios. Cando rematamos coas lecturas eles tamén quixeron deleitarnos con algúns poemas e contos. Preparáronnos unha tarda de chocolate durante a mañán e entre bocado e bocado falamos con algúns deles sobre os seus netos e incluso os que non tiñan sentíronse por un día avós.
Pedíronnos que voltáramos a visitalos e nós invitámolos a ir ao noso cole.
Hoxe que tivemos xuntanza do Club de Lectura aproveitamos para valorar a actividade e pódovos dicir que todos os comentarios foron positivos, é como se medraran un pouco máis por dentro. (...) Penso que foi unha boa maneira de celebrar o día do libro."

22/4/10

PREMIO DA AELG


O pasado sábado a Asociacin de Escritores en Lingua Galega fixo entrega dos seus premios. Nesta modalidade estes eran os finalistas...
Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)
1. Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
2. Lúa do Senegal, de
Agustín Fernández Paz
3. O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
4. Valados, de Agustín Fernández Paz
E ... resultou ganador
LÚA DO SENEGAL de Agustín Fernández Paz
De
XornalGalicia.com tomamos o seguinte fragmento:
"(...) Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta.
Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da prota-gonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.(...)"

19/4/10

Día Mundial do Libro 2010 - I


Co gallo da celebración do Día Mundial do Libro 2010, Ano do Libro e da Lectura de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria difunde o texto que Juan Mata escribiu como agasallo para a Rede de bibliotecas escolares de Galicia e para conmemorar este día.
O autor repara na función dos lectores como axentes que poden contaxiar as ganas de ler, pero aposta por unha actitude honesta e humilde: "Sempre preferirei a discreción do exemplo á barafunda dos discursos. Se me presento ante un grupo de nenos limítome a abrir un álbum ilustrado e lelo con delicadeza e fervor, se estou en fronte de adolescentes non lles falo nin como un colega nin como un académico senón como alguén que coa súa idade descubriu nos libros o que a vida lle ocultaba..."
Máis información, aquí


29/3/10

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil



Xa podemos acceder ao cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil que, como todos os anos, publica a IBBY (International board on Books for Young People). Nesta ocasión os autores da ilustración e do texto son os españois Noemí Villamuza e Eliacer Cansino.
A mensaxe, distribuída por OEPLI, está dispoñible nos catro idiomas do estado español; tamén en inglés.
O 2 de abril, data na que se conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, é boa ocasión para lembrar que hai sempre un libro agardando por nós... e os mediadores temos a oportunidade de axudar aos máis novos a navegar entre mares de publicacións de moi desigual calidade, aprenderlles a facer seleccións persoais, con criterio, curiosidade e valentía, para non camiñar polos vieiros marcados pola industria cultural unicamente.

18/3/10

Poesía nas bibliotecas... que falta fai...

A Palabra poética está presente sempre nas Bibliotecas Escolares galegas, pero estes días de marzo xoga nos beizos da rapazada e anda libre polos recunchos todos... palabra recitada, palabra cantada, palabra "rapeada", dita ás agachadas, bisbada... debuxada, pintada, fotografada... pero Palabra, en fin, a espertar conciencias e sensibilidades.
E por textos poéticos, que non sexa: velaquí unha selección realizada por REDE LECTURA, entre o máis interesante dos poemarios de literatura infantil e xuvenil publicados nos últimos anos.

16/3/10

Madriñas e padriños de lectura

Chegan a un tempo noticias de diferentes centros nos que se botan a andar actividades de lectura compartida, ben interesantes. Os resultados??? Algúns vense no momento... outros veranse co tempo. Pero é xa unha experiencia de convivencia arredor dos libros cun compoñente afectivo importante que, como se sabe, é un dos requisitos para as actividades que vinculan aos lectores coa actividade da lectura.
A fórmula é ben sinxela: poñer en contacto a alumnos e alumnas "maiores" con outros máis pequenos, formalizar o "apadriñamento", e dispoñer de espazos e tempos para o acto de ler. Hai xa rapaces de instituto que lles van ler aos máis pequenos no colexio próximo. A organización do profesorado con vontade de educar. O vindeiro mes de abril pode favorecer iniciativas deste tipo, pero días ten o ano nos que botalas a andar.... parabéns a todos os centros galegos que se lanzan á aventura... tras deles virán outros...

Algúns institutos que andan a organizar actividades deste tipo: IES de Sanxenxo, IES de Fene

1/3/10

Educando lectores... de manga

A biblioteca escolar do IES FONTEXERÍA, de Muros (A Coruña) manterá aberta, durante todo o mes de marzo, unha exposición sobre un tipo de cómic ben presente nas preferencias dos lectores xoves, o manga. Así nos explica a actividade prevista o responsable desta biblioteca:


"O vindeiro xoves día 4 inauguramos unha exposición sobre o manga que estará aberta durante todo este mes. Este xoves dous rapaces coñecedores e lectores deste tipo de comic explicarannos os porqués da súa afición a este xénero, ademais de amosarnos parte do material que consumen. O resto dos días haberá sempre unha mesa na Biblioteca con exemplares de manga en diversos idiomas, incluíndo o primeiro manga publicado en galego. Ademais, expoñeranse 6 paneis con información introductoria ó manga, e durante os recreos as proxeccións temáticas ilustrarán estes mesmos contidos".

25/2/10

Mulleres e lectura na Historia da Arte

Grazas ao blogue da Biblioteca do Chouzo (CEIP Emilia Pardo Bazán, de Vigo), coñecemos esta excelente recompilación dunha bibliotecaria colombiana, Diana Echeverri. Definitivamente, algo está a pasar en Medellín...

11/2/10

Hábitos de lectura 2009

A Federación de Gremios de Editores de España vén de publicar o Informe de hábitos de lectura y compra de libros en 2009, un barómetro que mide os hábitos da poboación maior de 14 anos en relación cos libros e a lectura. Desde hai tres anos, este barómetro presta tamén atención á lectura entre a poboación máis nova, entre 10 e 13 anos. Cómprenos unha lectura detallada deste informe se queremos traballar por obxectivos, sabendo de onde partimos e qué aspectos deberíamos ter en conta como mediadores na formación dos novos lectores e lectoras. Algúns datos para a reflexión:
  • Os lectores frecuentes, entre a poboación maior de 14 anos son o 41,3% (len todos ou case todos os días, ou unha ou dúas veces por semana).
  • Os lectores frecuentes, entre 10 e 13 anos, son o 77,1%
  • O 55% da poboación maior de 14 anos declárase lectora (lectores frecuentes + lectores ocasionais, que len un libro ao mes ou ao trimestre)
  • Entre os rapaces e rapazas de 10/13 anos, a porcentaxe de lectores, sumando frecuentes e ocasionais, sube ao 91,2%
  • O 78,4% dos nenos lectores asegura que seus pais lles len na casa, e o 88% que lles mercaron ou agasallaron con libros no último ano.
  • O 97,2% dos nenos lectores afirmar que os seus profesores os animan a ler, e o 93,2% asegura que nos seus colexios se realizan actividades arredor da lectura e o libro, participando nelas o 94,1%.
  • Galicia sube 2,3 puntos con respecto ao ano 2008, na porcentaxe de poboación lectora (+ 14 anos), quedando no 54,9%, sendo o 39, 9% os lectores frecuentes.
  • En Galicia, o 45,1% dos maiores de 14 anos non le.
  • A lectura en galego representa o 0,5% do total. En Galicia, o 7,4% dos lectores le en galego de forma cotiá.

Novamente, chama a atención tamén, e debera levarnos á reflexión sobre as nosas prácticas de selección e visibilización de segundo qué libros, a relación de libros máis lidos, entre a poboación infantil e entre a poboación adulta. ¿Para esta viaxe, tantas alforxas????

19/1/10

2010, Ano do Libro e da Lectura en Galicia

Iníciase un ano especial para o mundo da lectura, para axentes, mediadores e lectores: o Ano do Libro e a Lectura en Galicia, proclamado así pola Xunta de Galicia.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa as súas accións, encadradas no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en centros de ensino.
Máis información, aquí
Algunhas voces comezan xa a unirse a este Ano da lectura, como o escritor Xosé Neira Vilas

Clubs de Lectura 2009/2010

Onte publicábase no Portal Educativo da Consellería de Educación a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se adxudican axudas para o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de Galicia, para o curso 2009/2010. Son, en total, 177 os clubs de lectura que reciben apoio a través desta iniciativa, encadrada no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en centros de ensino, o que representa un total do 48% do conxunto dos centros públicos de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, de Galicia.