17/12/13

Hora de ler... e de escribir

Interesante experiencia no CPI Dr. López Suárez de Friol (Lugo): un "obradoiro da letra" (a letra sen ansiedade) impartido polo profesor Jesús M. Juaristi, experto no mundo da caligrafía artística e do deseño gráfico, e no que participaron conxuntamente alumnos, alumnas e profesorado do centro. Resulta gratamente sorprendente esta actividade cando hai uns meses líamos na prensa que algúns estados de EEUU eliminaban a obriga de ensinar a escribir de forma manuscrita nas escolas.

12/12/13

Ler ciencia

Os centros escolares aproveitaron a chegada do cartel LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR para organizar exposicións e reforzar actividades xa programadas relacionadas coa lectura de textos informativos e de divulgación dos distintos campos da ciencia. Algúns bos exempos podémolos ver AQUÍ 
Outras propostas arredor deste lema:

José Antonio Cordón: Tendencias en lectura dixital

http://www.universoabierto.com/12162/planeta-biblioteca-05122013-tendencias-en-lectura-digital/
José Antonio Cordón é un profesor da Universidade de Salamanca que dirixe un grupo de investigación sobre edición e lectura electrónica, Electra, e que estivo en Galicia nuns Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no ano 2011. Neste enlace podemos escoitar unha emisión de "Planeta Biblioteca", a radio da Biblioteca da Universidade, na que José Antonio Cordón fala de cuestións relacionadas coas tendencias en lectura dixital. Ademais do contido é moi agradable de escoitar, porque introducen unhas cuñas da película de Adolfo Arastaraín, Lugares comunes, sobre a escritura e a lectura.

4/12/13

Por que ler?

 
Impresionante vídeo de animación á lectura realizado por un alumno do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo. Sebastián é tamén o autor dun blogue sobre libros e lectura: El coleccionista de Mundos. Sen palabras que nos deixou!!

Unha fórmula para a "hora de ler"

 
HORA DE LER, ese tempo dedicado á lectura en tempo lectivo, pode acoller moitas fórmulas. O importante é que o alumnado teña protagonismo á hora de achegarse á experiencia lectora. A lectura en voz alta por parte do mediador é unha das actividades con maior potencialidade para espertar o gusto pola lectura; é excelente para que os nenos e nenas aprendan a entonar e facer as pausas correctamente, pero por si soa  non garante a competencia lectora de quen escoita. Outra cousa é cando o alumnado toma a iniciativa, coma neste caso, e convirten a "hora de ler" nun tempo para a lectura en voz alta e a narración nas súas propias voces. Así, por unha parte se traballa a capacidade de escoita e por outra, todos os alumnos e todas as alumnas teñen a oportunidade de "poñerse a proba" e de avanzar na lectura expresiva, e tamén na lectura comprensiva. Unha das condicións esenciais para isto é que teñan a oportunidade de preparar a lectura, tal e como vemos neste excelente exemplo das nenas e nenos de 1º ciclo do CEIP Santiago Apóstolo, de Franza (Mugardos, A Coruña).

29/11/13

Vantaxes da lusofonía

Entre outras vantaxes, cousas coma esta, aquí... enténdense. 

27/11/13

Doris Lessing

Excelente presentación sobre Doris Lessing difundida desde a biblitoeca do IES Concepción Arenal (Ferrol), en lembranza desta escritora polo seu pasamento en datas recentes.

19/11/13

Presentación mundial de libros nas bibliotecas escolares


A biblioteca Fiz Vergara Vilariño do IES Gregorio Fernández de Sarria, foi o lugar escollido para a presentación do libro A peito descuberto (Análise e edición da obra poética de Fiz Vergara Vilariño) de Yago Rodríguez Yáñez. Acompañaban ao autor neste acto Luis López Melle, Eduardo Rey,  Jaime Félix López Arias e Alfonso Blanco Torrado en representación da AC Xermolos de Guitiriz, editora do libro. 
Agradecen á Galería Sargadelos e á Imprenta Galicia que elixiran a biblioteca escolar para esta presentación e polo seu traballo na elaboración de carteis, invitacións e marcapáxinas.
E nós detacamos, tamén, a participación do alumnado do centro na lectura de poemas de Fiz vergara Vilariño.
Realmente, as bibliotecas escolares, son lugares privilexiados para calquera actividade de difusión cultural e de promoción da lectura. Podemos asegurar que foi un luxo ver tanto público, tan interesado e participativo nesa presentación.

5/11/13

Intercambio de lecturas no CEIP Santiago Apóstolo (Mugardos)

3º lendo a Educación Infantil by Slidely Slideshow

Tamén no CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos iniciaron xa as súas actividades de intercambio de lecturas. Nesta ocasión, o alumnado de 3º de Primaria preparou lecturas axeitadas para as nenas e nenos de Educación Infantil. Souberon moi ben captar a atención dos pequenos, á vista destas imaxes.
Pola súa parte, o alumnado de 6º de Primaria empregou o Kamishibai para esta actividades. A apertura do teatriño xaponés espertou o interese das nenas e dos nenos e o conto contado parece que gustou, se observamos as súas cariñas. 
 

KAMISHIBAI PARA E. iNFANTIL by Slidely Slideshow

Son moitas as habilidades que poñen en xogo as nenas e nenos que participan neste tipo de actividades, todas elas imprescindibles: atención, coidado, selección de textos, expresión oral, respecto polo outro por unha parte, saber escoitar e poñer atención pola outra...  Ben dirixidas, son actividades cun alto potencial educativo.

4/11/13

Lecturas compartidas o antes posible

 
Non hai que agardar a que chegue o Día do Libro para organizar xornadas ou sesións de lecturas compartidas... porque non hai como empezar o curso lendo cos "colegas" o libro que máis nos gusta. Velaquí o exemplo do CPI dos Dices - Rois (Rois, A Coruña). 

29/10/13

"Sobre mortos e tumbas". Escolma poética do IES San Paio (tui)

Tempo de enfrontar a morte e de incorporala dunha forma saudable para poder, tamén, vivir dunha maneira máis consciente. Tempo de defuntos. Velaquí a escolma poética que baixo o título de SOBRE MORTOS E TUMBAS, e arredor da morte, prepararon desde a biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra).http://www.edu.xunta.es/centros/iessanpaio/ Unha excelente selección de textos e imaxes, un documento "para gardar", para ler e debullar.

Primeira consulta do CMAL (Centro Médico de Asistencia Lectora)

 
Chéganos esta gravación da primeira consulta do CMAL, o Centro Médico de Asistencia Lectora recentemente inaugurado na biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal (Pontevedra)Paga a pena ver a profesionalidade de médico e enfermeiros, e o interese dos pacientes!!

As fórmulas que realmente contaxian as ganas e o desexo de ler, as que crean lectores, son aquelas que se poñen en xogo desde o entusiasmo e o coñecemento, e este é un bo exemplo de ámbalas dúas cousas. Parabéns!
 

25/10/13

Nace o primeiro CMAL (Centro Médico de Asistencia Lectora) no Rosal

A biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) vén de inaugurar o CMAL, Centro Médico de Asistencia Lectora, nun dos seus recunchos. O CMAL prestará asistencia nos recreos a partir do 25 de outubro. Esta iniciativa que xurdiu dunha anécdota cun alumno, tal e como contan no blogue da biblioteca, recolle unha idea moi fértil que leva tempo movéndose no mundo da animación á lectura, pero que nesta ocasión cobra corpo dunha forma moi potente e integrada na dinámica da biblioteca escolar, como un servizo permanente. 
Parabéns ao profesorado do centro pola iniciativa, e a toda a comunidade educativa por poder contar con este novo servizo. 

Colaboración entre librería e biblioteca escolar

Neste momento de confusión polo que pasa todo o sector do libro, algunhas librerías están vendo posibilidades de actuación diferentes, e "están poñéndose as pilas". é o caso da librería Khátedra de Ourense que envía aos colexios unhas "maletas de papel", con libros en préstamo para o alumnado. A biblioteca comprométese a facer unha valoración.  Tras o período de préstamo, ofrecen os libros cun 10% de desconto. Así nolo contan desde o CEIP Filomena Dato (Barbadás, Ourense)

15/10/13

"Falamos de ler"

 
Desde o CEIP San Marcos, de Abegondo (A Coruña), chéganos este vídeo, aloxado no blogue do Club de Lectura do colexio,  no que o alumnado de 4º de primaria realiza entrevistas a outros nenos e outras nenas e aos adultos presentes no centro, arredor do libro e a lectura. Impagable como documento no ámbito da sociolingüïstica. Un traballo estupendo da rapazada. Parabéns!

23/9/13

Literatura Infantil e Alfabetización Incial - 2. Teresa Colomer

 
2ª parte da intervención de Teresa Colomer.
"Un tiempo, un tiempo para leer. Los niños necesitan un tiempo para leer (...) Es en la escuela dónde se necesita un tiempo autónomo de lectura silenciosa, tranquila, dónde los niños van a ir leyendo y aumentando sus habilidades de lectura". 

Máis claro imposible: Hora de ler.


Literatura e alfabetización inicial. Teresa Colomer.

 
A profesora Teresa Colomer imparte unha conferencia sobre Literatura Infantil e Alfabetización Inicial nun Ciclo de Desarrollo Profesional, Literatura Infantil, Alfabetización Inicial y Didáctica, en Argentina (2010).  

A  segunda parte da conferencia pode verse neste enlace: 
http://www.youtube.com/watch?v=TtcduLrIt98

Sempre é un privilexio acceder á palabra de Teresa Colomer, investigadora e gran defensora da presenza da literatura infantil na escola, non cun sentido utilitarista (este libro vale para este tema ou aquel outro), senón cunha función formadora, cunha función educadora e de desenvolvemento persoal.

12/9/13

Lecturas compartidas para comezar con bo pé

No CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra) aproveitaron os recursos da biblioteca escolar para programar unha boa forma de comezar o curso: cunha actividade de lectura compartida
"Comeza o curso escolar e a nosa primeira proposta para este ano foi botar man da lectura compartida , para calmar nerviosismos, capturar tempos de escoita e tender lazos afectivos con cada grupo de alumnos e alumnas." 

10/9/13

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2013/2014

Publicada no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en apoio do funcionamento de clubs de lectura, para o curso 2013/2014. Poden presentar solicitude de axuda os centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas e de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas). O prazo de presentación de solicitudes remara o vindeiro 11 de outubro de 2013

Durante o curso 2012/2013 recibiron axuda para o funcionamento do club de lectura un total de 222 centros públicos galegos. Cómpre detallar que na meirande parte destes centros funcionan varios grupos de lectura, en función de idade e intereses. Da mesma forma, aproximadamente un 25% destes centros conta cun grupo de lectura de adultos. En total, unhas 7.000 persoas, entre profesorado, alumnado, persoal non docente e familias, compartindo experiencia lectora.... construíndo sociedade lectora.

18/7/13

Dominó de libros na biblioteca pública de Seatle


A biblioteca pública de Seatle puxo en marcha o Programa de Lectura do verán 2013, e para isto tiveron a xenial idea de realizar un dominó de cadeas de libros.

O resultado, como podedes comprobar no vídeo, espectacular, aínda que tiveron que realizar varios intentos para que saíse perfecto.

Os libros empregados para a realización desta cadea foron doados ou ben como resultado do expurgo da biblioteca. Agora xa están sendo vendidos para axudar a recaudar fondos para os programas e servizos da biblioteca.

E menos mal que se están vendendo, senón terían que realizar outra actividade para conseguir fondos que pagasen a quen tivera que volver a colocar os libros nos andeis.

Avisos:
  • ningún libro saíu danado na filmación do vídeo
  • non intente facer isto no seu fogar e/ou biblioteca
 

15/7/13

A HORA DE LECTURA en Alén da chuvia


Andrea Atanes Méndez, alumnado do IES Eusebio da Guarda (A Coruña) titula o seu artigo "A hora de lectura", publicado na revista do centro, Alén da chuvia.
E di...
"Penso que esta idea de ler durante unha hora un libro, que ademais pode elixir o alumno, fai que o instituto deixe por un momento de ser un lugar de traballo rigoroso e cuadriculado no que apenas se pode utilizar a imaxinación durante as clases, para formarse un ambiente máis relaxado e tranquilo, que, aínda que tamén é unha atmosfera de traballo, ten esa especie de liberdade que dá mergullarse nunha historia.
Aínda que a min sempre me gustaron moito os libros, creo que a idea de ler durante a clase é unha forma de axudar aos alumnos que non están acostumados a facelo, a descubrir o seu libro adecuado, que non é para todos o mesmo. Creo que o problema da xente que non goza coa lectura é ese, que nunca atoparon o seu libro; e pensan en ler como unha aburrida obrigación, o que á súa vez fai que perdan a curiosidade por buscar libros novos, e así diminúa a posibilidade de encontrar unha lectura coa que gozar de verdade."
Que ben o conta!

10/7/13



O equipo de biblioteca do CEIP de Cervo, en colaboración co EDNL, puxo en marcha unha campaña de fomento da lectura chamada "Peza única".
Nos galerías de Sargadelos repartiráselle un folleto con ese nome "Peza única" á súa clientela, arredor do Día das Letras Galegas. O folleto ten unha poesía feito polo alumnado do centro, un número de serie e unha lenda onde se explica que a persoa que reciba este presente ten nas súas mans unha peza única; tamén se lle pide que  faga chegar ao enderezo electrónico do centro algún comentario ou foto para publicar no blogue da biblioteca, desa maneira todos saberán ata onde chegou a súa poesía. En total fixéronse oitenta folletos para entregar nas tendas da marca Sargadelos de Sargadelos, Lugo, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo. As primeiras comunicacións que chegaron foron de Bangladesh a onde levou a poesía un inxeneiro de Foz e da escritora Laura Gallego.
Ata onde poden chegar as nosas creacións?
Quen nos lerá?
Son as preguntas que os escritores e escritoras se fan.

5/7/13

Embaixadores de kamishibai


Un grupiño de alumnos e alumnas do CEIP A Gándara de Monforte visitaron aos compañeiros do IES Daviña Rei para contarlles un conto co kamishibai.
A relación entre as bibliotecas de dous centros, cando ademais ambos son da mesma localidade, e cando se fai a través da lectura... é sempre unha boa noticia, das que nos gusta atopar na prensa, das que nos gusta ver.
Alumnas de primaria (que van dos sete aos once anos) facendo a presentación dunha ferramenta (que está a darlles bos resultados) fronte aos que de trece e catorce anos, que seguramente tamén quererán probar esa nova maneira de contar, apoiándose en láminas que eles mesmos poden construír.
Un teatriño oriental ao servizo da lectura, utilizado pola rapazada do outro lado do mundo. ¡Esa é a globalización que defendemos, a que constrúe lectores ao longo e ancho da Terra!

3/7/13

Un "carghamento" de libros para o verán

Iso é o que demanda o alumnado do CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense), e para iso está a biblioteca escolar. Velaquí as bolsas preparadas para o préstamo de verán, logo de atender as demandas do alumnado, e antes de que emprendesen o camiño das súas casas. Que ben o teñen que estar pasando!!!

Esta actividade, coma outras que xorden nas bibliotecas escolares, responden a criterios pedagóxicos. No blogue do centro o explican moi ben: 

A compañía dun libro nas tardes de verán, ademáis de ser moi beneficiosa, como se desprende dun estudo da Universidade de Tennessee, pode aforrarnos  ás nais e pais moitos "abúrrome" e  outros tantos "non sei que facer".
Richard Allington, membro desta universidade, afirma que "a lectura durante o verán é necesaria  para non perder as habilidades adquiridas como son o manexo da lenguaxe e a  competencia lectora". Segundo estas afirmacións, aparecidas na revista Reading Psychology , os nen@s que non len durante as vacacións poden presentar un retroceso de dous ou tres meses. Sen embargo, os nen@s que len, terán un avance dun mes de aprendizaxe en relación a esta competencia.
Segundo outro estudo realizado por especialistas da Universidade Johns Hopkins, os efectos de non ler na infancia  nótanse  incluso durante a Secundaria e na Universidade . E que os que leron de foram constante sendo nen@s, están mellor preparad@s tamén cando chega o momento de incorporarse ao mundo laboral.

Viaxe de ida e volta, ou "o amigo invisible virtual"

 
Velaquí unha recomendación de lectura orixinal. O vídeo é o resultado dunha colaboración entre os mozos e mozas do IES Chano Piñeiro, de Forcarei, e os do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, que organizaron unha caste de "amigo invisible" virtual. Lectura en galego para o verán, recomendada directamente polas lectoras, polos lectores. Parabéns polo traballo. 
+ información AQUÍ  

28/6/13

VI Xornada dos Clubs de Lectura: vídeo resume


VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Este vídeo achéganos o ambiente dos participantes, e as impresións dos relatores  e dalgúns asistentes á VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013. Esta actividade intégrase no programa HORA DE LER, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e vense realizando desde o curso 200//2008, data da primeira convocatoria de axudas para clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro ano, no que se crearon 102 clubs de lectura, foron aumentando progresivamente o número de centros que contan con grupos de lectura de alumnado, e tamén de grupos de lectura de adultos, ata chegar aos 222 centros neste curso 2012/2013. Arredor desta iniciativa dos clubs de lectura nos centros de ensino secundario móvense en Galicia unhas 7.000 persoas, entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familias, que comparten experiencia lectora e actividades culturais arredor dos libros e da lectura, fóra do horario lectivo. 

ACCESO AOS VÍDEOS DAS DIFERENTES SESIÓNS

25/6/13

Ler a Rossini: Ópera no IES Alexandre Bóveda.


Desde o blogue da biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) podemos acceder á representación da opera de Rossini, O Conde Ory, que levaron  a cabo alumnado de 4º de ESO e de bacharelato do centro, logo dun intenso traballo durante todo o curso escolar. Ópera en galego nunhas voces excelentes, cun traballo xenial por parte de todos os participantes. Parabéns ao profesorado e ao alumnado. O ensino público pon de manifesto unha vez máis que é quen de achegar o patrimonio cultural a todas e todos (dereito non sempre respectado), e de facilitar que todo o alumnado poida participar en actividades de creación e non ficar só como espectadores.

18/6/13

Os libros máis lidos na biblioteca do IES Torrente Ballester (Pontevedra)

Á hora de facer recomendacións de lecturas para o verán, o equipo de biblioteca do IES Torrente Ballester, de Pontevedra, optou por facer visibles os  libros máis lidos durante o curso 2012/2013 no centro, fóra dos libros de obrigada lectura por razóns curriculares. Segundo o responsable da biblioteca, aínda que os libros máis prestados seguen a ser as recomendacións "de obrigada lectura" que realizan os diversos departamentos, vai gañando terreo tamén esa outra selección que realiza o alumnado en función das novidades, das lecturas "xeracionais", do boca-orella, das recomendacións da biblioteca... Cómpre tempo, estabilidade, persistencia e insistencia para que as cousas vaian callando, que son moitas as resistencias a vencer. Pârabéns!!

15/6/13

Criterios de selección de lecturas para adolescentes. Gemma Lluch


Gemma Lluch - Criterios para seleccionar libros para adolescentes from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Unha conferencia imprescindible para mediadores de lectura. Gemma Lluch imparte, con este contido,  a conferencia inicial da VI Xornada dos Clubs de Lectura, en Compostela, o pasado 31 de maio de 2013, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 222 centros de ensino secundario de Galicia, ademais doutros centros de ensino primario. 

27/5/13

"Compartindo contos", unha experiencia desde o IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz)

As mozas e mozos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo) están embarcados desde hai varios cursos nunha actividade que ten moito de voluntariado cultural, pero que sobre todo supón unha experiencia persoal enriquecedora e unha iniciativa educativa de gran alcance. Así nolo conta Santiago Dans, o responsable da biblioteca escolar

O día 3 acudimos, como nos  anos anteriores, ós colexios de Lagostelle, Parga e A Castellana para celebrar o día do libro. Case 100 alumnos  do insti (case o 70% do alumnado de secundaria) prestáronse a compartir un rato de lectura e diversión cos pequenos de infantil e primeiro ciclo de primaria. Na biblioteca estamos moi satisfeitos da resposta do noso alumnado e do seu traballo.  Durante a semana anterior estivemos, con moita ilusión,  preparando as lecturas, ensaiando en casa e en clase. A xornada foi estupenda; grandes e pequenos disfrutaron xuntos da lectura. Uns días antes escribimos unhas cartas a cada un dos pequenos lectores para contarlles o que íamos facer. Agora esperamos, con máis ilusión aínda, as súas respostas, as súas cartas ou debuxos. Nuns días teremos un vídeo resumo da actividade.

20/5/13

Historia do libro


Prezi elaborada por alumnas de Latin I, do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)

16/5/13

"El lector ha cambiado". Gemma LLuch

Mozas e mozos do club de lectura do IES de Meaño, os primeiros do centro en disfrutar dos lectores electrónicos recén incorporados á biblioteca. 

Os lectores están cambiando. Esta afirmación xunta con outras igual de contundentes realízaas a experta en literatura infantil e xuvenil, e estudosa do fenómeno da lectura entre os máis novos, Gemma LLuch, nun artigo publicado no blogue Conectados, da editorial SM

"El lector ha cambiado. Han cambiado sus costumbres, sus formas de leer y sobre todo la manera de relacionarse con la lectura. Ahora son adolescentes capaces de crear contextos lectores."
 
Recomendamos a lectura do artigo 

Gemma LLuch abrirá a VI Xornada dos Clubs de lectura, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 31 de maio, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura que funcionan neste curso 2012/2013 en 222 centros de ensino secundario de Galicia.

15/5/13

Lecturas no patio


No CEIP A Rúa, de Cangas (Pontevedra) celebraron o Día do Libro, no pasado mes de abril, de moitas maneiras, pero unha delas foi a lectura silenciosa no patio... porque, que ben se le ao aire libre nestes días de primavera!!! + imaxes e información no blogue da biblioteca

13/5/13

O mellor agasallo... un conto!!


 
As nenas e nenos de primeiro curso de Primaria do CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), prepararon uns contos para contarllelos aos máis pequenos de Infantil do seu colexio. E velaquí o ben que os len. Hai máis exemplos nesta entrada do blogue da biblioteca escolar.

10/5/13

Nenas e nenos do CEIP Saco e Arce que gustan de ler

 
Desde o CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense) chéganos este vídeo coas recomendacións de lectura de nenos e nenas de 2º e 3º ciclo de Primaria. Dá xenio escoitar a estes nenos, a estas nenas, falar dos seus libros en galego (aínda que moitos deles foran lidos en castelán). Parabéns! E parabéns tamén por esta iniciativa que serve para reforzar a expresión oral do alumnado.

Bibliotecas activas que activan o centro

Un bo exemplo da actividade cultural e pedagóxica que xenera unha biblioteca escolar que se "activa" é esta información que nos chega desde o IES A Paralaia (Moaña, Pontevedra). DÍAS DE POESÍA E LIBROS é a crónica de dous meses no instituto, os días que van desde o 8 de Marzo, e o Día da Poesía (21 de marzo), ata  finais de abril, coa conmemoración do Día do Libro: exposicións, recitais, investigacións, contacontos, coa participación de alumnado de diferentes niveis do centro e profesorado de diferentes áreas.

8/5/13

Na procura do libro perdido

 
"O libro perdido" é unha actividade de dinamización destinada a que o alumnado faga buscas nos materiais informativos da biblioteca e saiba moverse con fluidez polas distintas fontes informativas. Un xogo que cómpre preparar con xeito para que a busca teña efectividade, pero que dá moi bos resultados. No IES Lucus Augusti (Lugo), as mozas e mozos de 3º curso de ESO aproveitaron a conmemoración do Día Mundial do Libro para realizar unha destas actividades, que polo que se ve, resultou moi animada. Xogar para aprender, aprender a aprender, ler para aprender, aprender xuntos... o gozo de aprender.

6/5/13

Galería de lectores e lectoras


Presentación de diapositivas: Galería de lectores - Diapositivas
Lectoras e lectores do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra) recomendando libros no pasado mes de abril (tan próximo aínda).

Lectoras e lectores do CRA Amencer (Ribadavia)

As nenas e nedos do CRA Amencer (Ribadavia, Ourense) posan cos seus libros favoritos na casa, no cuarto, na cociña, na sala, no xardín, na escola; sós, acompañados; de pé, sentados, deitados... ou sexa, amosan as mil e unha formas de ler e de gustar do pracer da lectura.

Gústame o que leo!!!


Photocall do Día do Libro2013 no CEIP VÍCTOR SÁENZ from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

No CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña) celebraron o Día do Libro de mil formas, pero unha das máis divertidas foi posar no photocall preparado para ese día: Leo porque me gusta e gústame o que leo!!!!

2/5/13

Enredando Versos... desde Sanxenxo



Enredando Versos é unha experiencia de traballo colaborativo arredor da poesía que veñen poñendo en práctica, durante o curso 2012/2013, varios centros da zona sur de Pontevedra: IES Sanxenxo (Sanxenxo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES de Poio (Poio), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP A Lama. 
O 2 de maio xúntanse no Pazo da Cultura de Sanxenxo para ter un encontro poético, cunha excelente programación (encontro no que participan tamén o IES San Paio de Tui, o IES Vilalonga, de Sanxenxo, o IES Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro e o CEIP A Florida de Sanxenxo.  Pódese seguir en directo desde o seu blogue e desde as redes sociais. Ver aquí: 

30/4/13

#leoporque


As mozas e mozos do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada (Lugo), xunto co profesorado do centro, celebraron o Día do Libro completando o hastag #leoporque e abofé que hai razóns ben interesantes e outras nas que podemos identificarnos. Parabéns!

Cine e libros, libros e cine...

Co gallo do Día Mundial do Libro, o programa dedicado ao cine da TV2 "Días de cine" emitiu unha reportaxe sobre as relacións entre cine e libros. Agradecemos á biblioteca do IES Pazo da Mercé (As Neves), esta achega. 

29/4/13

Lecturas compartidas no Día do Libro, creando vínculos coa lectura.




Unha vez máis, o Día do Libro foi escollido como data para compartir experiencia lectora entre alumnado de distintas idades e, mesmo, de distintos centros. Os apadriñamentos e amadriñamentos de lectura, as actividades de lectura compartida, esténdense pola xeografía galega e vanse asentando como iniciativa educativa e de fomento da lectura de gran potencialidade: os máis grandes preparan as súas lecturas e os pequenos receptores reforzan a súa capacidade de escoita. Uns e outros gañan como lectores e como usuarios da biblioteca e xuntos van creando vínculos emocionais coa experiencia lectora, dos que permanecen. Felicitamos ao profesorado que facilita estes "encontros na lectura" e, moi especialmente, ao alumnado que exerce esa fermosísima tarefa de "voluntariado da lectura", que escolle os libros, prepara as sesións e  "apadriña" ou "amadriña" aos máis novos, con respecto e con alegría.
No vídeo, as nenas e nenos do CEIP Milladoiro de Malpica, un dos centros veteranos neste tipo de actividades.Outros centros nos que se celebraron estes días actividades semellantes: 

Lectoras e lectores do IES A Xunqueira II recomendan...



As mozas e mozos do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, recomendan as súas lecturas favoritas...

24/4/13

Lectoras e lectores do IES Lagoa de Antela


No Día Mundial do Libro de 2013, os lectores e lectoras do IES Lagoa de Antela, de Xinzo da Limia (Ourense) "posaron" cos seus libros, con libros que lles gustan especialmente, e prepararon este vídeo para a difusión do libro e a lectura como experiencia gozosa.

23/4/13

Sherezade conta contos no Leirado


As nenas e nenos de 3º Ciclo do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), traballaron coa súa profesora de Música na creación dunha curta de animación, arredor da música de Rimsky Korsakov e as historias de Sherezade. E hoxe, Día do Libro, fan a presentación ao resto de compañeiras e compañeiros... Parabéns por este estupendo traballo.

22/4/13

"Un libro, un amigo" desde o IES Pazo da Mercé

UN LIBRO, UN AMIGO 23 DE ABRIL DO 2013 on PhotoPeach  
Daniel Duque e Damián Lamas, de 3º de ESO do IES A Mercé (As Neves, Pontevedra)  realizaron este vídeo con fermosas imaxes para conmemorar este 23 de abril, Día Mundial do Libro, e que nos chega a través do blog do Equipo de Dinamización Lingüística e a biblioteca escolar do centro. Parabéns!!

19/4/13

"TUI lee": unha xornada de lectura e convivencia para celebrar o 23 de abril.

O responsable da biblioteca do IES San Paio, de Tui, coordinador tamén do club de lectura do centro, A pedra do Acordo, achéganos está información sobre a programación para celebrar o Día Mundial do Libro o vindeiro 23 de abril: unha festa da lectura, unha ocasión para sacar os libros de paseo, unha maneira de romper fronteiras e aunar vontades, unha forma excelente de construír sociedade lectora. Parabéns!!

Un ano máis as bibliotecas escolares e municipal de Tui e a biblioteca de Valença participaremos o vindeiro martes nunha nova edición do “Tui le”.
Seremos un total de trece centros os que ao largo da mañá faremos na praza de San Fernando (diante do pórtico gótico da catedral) a nosa común celebración do Día do Libro.
Haberá intercambio de libros, con libros faremos un tapiz coa palabra LENDO e alumnado de todos os centros lerá, recitará, musicará, dramatizará... poemas infantís e de Rosalía, poemas de poetas portugueses sobre Rosalía, textos de Vidal Bolaño, O principiño, a historia do rato Pérez (adaptación de El ratoncito Lucas y el reyecito Alfi de Fernando García-Cuerva y Darío Salvi), Carapuchiña Vermella (adaptación de Cuentos en verso para niños perversos de Roald Dalh), explicación das pezas do traxe galego...
Cada centro elaborou un cartel de 50 x 70 para ilustrar unha estrofa do primeiro poema de Cantares Gallegos, os trece carteis xuntarémolos ese día na praza e logo iniciarán unha exposición itinerante por todos os centros.
Ao longo da mañá a radio municipal instalará o seu locutorio móvil na praza e retransmitirá algunhas das actuacións, entrevistas... poñendo nas ondas esta nova edición da festa tudense dos libros.
Amais ambientaremos o centro cunha selección de curtametraxes cos libros como protagonistas:
 http://pedradoacordo.blogspot.com.es/2013/04/libro-de-cine-cine-de-libro.html
 http://bibliosanpaio.blogspot.com.es/2013/04/libros-de-pelicula.html

18/4/13

"Só un libro", texto de Paula Carballeira no Día Mundial do Libro 2013



Co gallo do Día Mundial do Libro 2013, a escritora, narradora, actriz e directora teatral, Paula Carballeira, agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia cun texto que pon en valor as potencialidades do libro para atraer e seducir as lectoras e os lectores, mesmo aqueles que de principio non están especialmente motivados pola lectura. Quen está acostumado aos textos e ás narracións orais de Paula Carballeira recoñeceraa sen problema neste "monólogo" que comeza así: 
Non sei que facer. 
Miña irmá regaloume un libro. 
Un libro.
Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este. 
Un libro
Por que?
Que lle fixen eu?

Pódese descargar o texto completo AQUÍ  (dobrar en vertical)

15/4/13

Ler e facer, ler e interpretar, ler e crear... a propósito de "Fantasmas de luz"

Facer lectoras, facer lectores, é hoxe algo diferente ao que se supuña que era hai uns anos. A sociedade é diferente, os mozos e mozas teñen intereses distintos e traspasados pola cultura audiovisual e, en definitiva, a lectura é outra cousa, é unha lectura "transmedia" e unha experiencia individual, pero que precisa ser compartida para medrar. Ou entendemos iso, en tanto que mediadores, ou  será difícil que academos resultados co sector en maior risco de perderse como lectores: os adolescentes e xoves.

Unhas mozas do IES de Poio, trala lectura de FANTASMAS DE LUZ, de Agustín Fernández Paz, puxeron mans á obra: seleccionaron unha escena, fixeron a ficha técnica e acabaron producindo unha curta que, a pesar da súa brevidade, resulta ben interesante.
Pódese ver esta curta no blogue da biblioteca do centro, AS ZOCAS FALADORAS.
Do blogue do club de lectura do mesmo centro, obtemos este saúdo de Agustín aos mozos e mozas que van ler o libro, animando á súa lectura, que fala ben da mestría de Fernández Paz, e da súa boa maneira de facer lectores. 

8/4/13

Apadriñamentos lectores, lecturas compartidas: creando vínculos coa lectura.

APADRIÑAMENTO LECTOR 1 on PhotoPeach  
Aínda que en moitos centros educativos galegos xa se están sistematizando as actividades de lectura compartida entre alumnos e alumnas de distintas idades (de distintos centros ás veces), ocorre que o mes de abril é unha ocasión perfecta que moitas bibliotecas escolares aproveitan para iniciarse neste tipo de actividades ou para reforzar as iniciativas xa en marcha. Nesta ocasión, os rapaces e rapazas do IES Ribeira do Louro, de O Porriño (Pontevedra), repiten os seus "apadriñamentos lectores" coas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, do mesmo concello, e coa colaboración esta vez da Biblioteca Pública Municipal de O Porriño. 
 APADRIÑAMENTO LECTOR 2 on PhotoPeach
Tamén os mozos e mozas do IES de Sanxenxo repetiron este ano unha actividade de lectura compartida coas nenas e neos de dous centros do concello: o CEIP Portonovo  e o CEIP A Florida. Madriñas, padriños, afilladas e afillados compartiron lecturas, falaron dos libros para mellorar a comprensión das historias, debuxaron e mesmo intercambiaron dedicatorias e agasallos. Toda unha experiencia!!!

2/4/13

Pase ao Liberespazo

Dentro das iniciativas do programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en centros de ensino, distribuíuse recentemente, entre as bibliotecas do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, este "Pase ao Liberespazo": un material para que os mediadores poidan empregar para motivar a lectura entre o alumnado, adaptándoo á súa dinámica de atención á biblioteca así como de creación e consolidación de hábitos de lectura. A edición destes "pases" está subvencionada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e pode descargarse da Rede. + INFORMACIÓN AQUÍ

Canal Lector, unha nova ferramenta ao servizo da lectura


Nace CANAL LECTOR, o novo portal dedicado ao mundo do libro e da lectura, da man da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, en colaboración coa Federación de Gremios de Editores de España e co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Este Canal Lector, evolución do anterior Sol (Servicio de Orientación de Lectura), incorpora múltiples recursos para mediadores, sexa no entorno educativo ou familiar, e constitúe un instrumento de gran interese para localizar recursos para a biblioteca escolar e manterse ao tanto das últimas novidades referentes á lectura na sociedade da información, entre outros contidos que integra. É tamén unha fonte de recursos para o fomento da lectura, entre os que queremos destacar  o KARAOKLEC, que marca un camiño para a elaboración de materiais audiovisuais motivadores da lectura, especialmente sobre textos de tradición oral e  poesía (algunhas bibliotecas escolares galegas xa están realizando videos deste tipo para motivar a lectura entre o seu alumnado, pero parécenos unha actividade que aínda pode dar moito de si, se pensamos sobre todo en termos de normalización lingüística).